O fantástico na Galiza

Este foi o texto preparado pelo Manuel Lourenzo González para o Fórum Fantástico 2018 acerca do fantástico na Galiza.

0. Introdución

Galiza é un país con lingua propia e historia diferenciada, mais para atopar os derradeiros trazos de soberanía política e monolingüismo hai que remontarse aos reinos da Alta Idade Media, no curso das loitas contra os mouros, e ás flutuacións dinásticas que se produciron aló polos séculos XIII e XIV. A partir do XV, Galiza xa é un reino integrado na coroa de Castela, e esa situación mantense, evolucionada e modernizada, até hoxe so o nome de Estado español.

O primeiro que deben ter presente as persoas que desexen achegarse á literatura galega en xeral é a situación da lingua galega e de Galiza na súa supeditación política ao Estado español e ao castelán como lingua dominante.

Galiza é un país con lingua propia e historia diferenciada, mais para atopar os derradeiros trazos de soberanía política e monolingüismo hai que remontarse aos reinos da Alta Idade Media, aló polos séculos XIII e XIV. A partir do XV, Galiza xa é un reino integrado na coroa de Castela, e esa situación mantense, evolucionada e modernizada, até hoxe so o nome de Estado español.

Iso marcou a evolución dos usos lingüísticos, co galego en retroceso lento até o XVIII-XIX, e desde aí veloz ao ritmo do avance da industrialización, o crecemento urbano, o liberalismo e a centralización estatal. A literatura en galego, que tivo o seu momento de gloria como lingua de prestixio no tempo das cantigas galaico-portuguesas, pasou por unha longa fase de case desaparición, os chamados Séculos Escuros, até que no XIX reaparece dentro dun movemento de reconstrución da identidade fronte á centralización que se chamou Rexurdimento. Desde aquela até hoxe foi progresando lentamente, pasando por treitos de distinto signo (os anos do franquismo resultaron ser unha nova etapa “escura”), podendo dicir que no momento actual, en particular desde que Galiza se converte en Comunidade Autónoma con rango de “histórica”, a oficialización do idioma (máis ben cooficialización co castelán), a entrada do galego no ensino, a aparición de medios de comunicación en galego e outros factores relevantes, a nosa literatura, á par da nosa lingua, pasan a unha situación de relativo prestixio e desenvolvemento.

Non significa isto en absoluto que se acadase a normalidade, en comparación con calquera outra literatura, por exemplo a portuguesa. Galiza segue formando parte (en moitos sentidos insignificante) dun Estado multinacional, e a nosa lingua segue a loitar, en condicións de extrema inferioridade, contra a supremacía da lingua da metrópole, o castelán. Daquela, pódense entender as condicións nas que se desenvolve a nosa literatura, en situación de precariedade e tendo que gañar cada día o dereito a existir. Por riba, cos poderes políticos do país xogando á contra, polo menos no momento actual.

1. Percorrido histórico

Sentadas estas bases para un correcto entendemento da situación, podemos centrarnos agora no tema concreto que dá título a esta ponencia, “o fantástico na Galiza”.

Farémolo primeiro seguindo un percorrido histórico coas producións máis salientábeis en literatura do xénero, e deténdonos posteriormente nunha análise da situación actual.

Para facérmonos unha idea desde a perspectiva histórica, da miña parte artellaría o seguinte esquema:

— Literatura de tradición oral, tamén chamada popular ou folclórica (as denominacións sempre son discutíbeis), un ámbito moi rico aínda que tendente á desaparición, como todo signo de xenuinidade dentro da trituradora globalizadora que nos anega. Relatos de diverso tipo, xeralmente en prosa mais tamén en verso, que proveñen das formas de vida peculiares do noso país nalgún caso influídas pola mestizaxe da veciñanza, especialmente con Portugal. Relatos protagonizados por personaxes como mouras (as “fadas” galegas e portuguesas), trasnos, xacias, sereas, meigas, lobishomes, santos, nubeiros, sacamanteigas, compañas ou estadeas, serpes, corvos, cabalos do vento, pedras, fontes, ríos, montes, árbores, covas… Todo un abano de presenzas máxicas que compartían vidas e obras cos simples humanos en difuso equilibrio.

— Literatura culta, quérese dicir de autor/a coñecido.

A literatura galega moderna pódese dicir que nace a mediados do século XIX. Aínda que a volta ao uso do galego na escrita tras os “Séculos Escuros”, propiamente, xa se producira na prosa, nos debates ideolóxicos e no nacente xornalismo, o seu primeiro asentamento literario dáse no campo da lírica, que, malia as dificultades, produce figuras da talla de Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Eduardo Pondal. O encarreiramento da prosa literaria, posterior no tempo e asemade en valores cualitativos, dáse no terreo da literatura realista, imperante no século, nalgúns casos con toques de romanticismo ao xeito de Walter Scott, de naturalismo so a influencia de Zola, de historicismo e de patriotismo reivindicador; mais sobre todo con base costumista e ruralista.

En consecuencia, é entendíbel que as primeiras obras de narrativa de ficción carezan de verdadeiro valor literario, residindo o seu mérito en seren as obras inaugurais. Un bo exemplo é a novela Campaña da Caprecórneca (1898), de Luís Otero Pimentel, de temática onírica e paranormal. Con todo, atopamos outros casos de máis mérito espallados en obras de Heraclio Pérez Placer e de Francisco Álvarez de Nóvoa.

Salvando estes inicios tímidos, e partindo dos comezos do século XX, podemos facer unha listaxe dos autores máis destacados que cultivaron nalgunha medida o xénero fantástico en obras de cualidade. Serían:

Ramón Cabanillas (1876-1959), autor de Na noite estrelecida, un extenso poema en verso culto sobre o asunto da Materia de Bretaña, que ambienta na Galiza con afán europeizante. O tema artúrico aparecerá posteriormente en moitos autores galegos.

Vicente Risco (1884-1963), que publicou contos de raíz popular como “O lobo da xente” e “A trabe de ouro e a trabe de alcatrán”, e da súa propia fantasía como “Do caso que lle aconteceu ao doutor Alveiros”, situado no mundo de ultratumbra e cargado de humor macabro.

Afonso Daniel R. Castelao (1886-1950), artista polifacético e político senlleiro, cultiva tamén o relato de ultratumba con carácter satírico en “Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete”.

Ramón Otero Pedrayo (1888-1976), quizais o autor máis realista da chamada Xerazón Nós (úsase o termo “literatura realista” en oposición a “literatura de ficción”, pasando por alto que se trata dunha simplificación máis que discutíbel), adentrouse así mesmo nos eidos da ultratumba no relato “O purgatorio de don Ramiro”.

Rafael Dieste (1899-1981) é autor de Dos arquivos do trasno, relatos de diverso carácter contados con técnicas da narración oral, nalgúns dos cales atopamos a presenza do fantástico. O conto “O neno suicida” coincide na trama co relato “O curioso caso de Benjamin Button”, de F.Scott Fitzgerald, publicado catro anos antes. En “Once mil novecentos vinte e seis” trata o tema da crioxeniación.

Álvaro Cunqueiro (1911-1981) quizais sexa o autor máis destacábel no ámbito que tratamos, tanto pola cantidade de obras que se poden considerar como pola súa alta cualidade. Títulos como Merlín e familia, que parte do tema artúrico para despregar unha fantasía extraordinaria, As crónicas do sochantre, que se interna polos vieiros da ultratumba, Se o vello Sinbad volvese ás illas, que prolonga as viaxes míticas do personaxe de As mil e unha noites, ou como a triloxía de raigame popular formada por Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá e Os outros feirantes, comunmente catalogadas como de realismo máxico, que mesturan o fantástico co real e cotián dun xeito natural co exercicio dunha protentosa imaxinación a partir do coñecemento da paisanaxe e idiosincrasia galegas.

Ánxel Fole (1903-1986), mestre da narrativa breve de carácter popular e da técnica do suspense, mestura nos seus relatos realistas o humor, o medo e o fantástico, en títulos como Á lus do candil, Terra brava ou Historias que ninguén cre.

Eduardo Blanco Amor (1897-1979), un escritor esencialmente realista, toca algúns eleméntos do fantástico en Os biosbardos.

Xosé Luís Méndez Ferrín (1938) é sen dúbida o escritor galego máis importante hoxe. A súa vasta obra nace coa Nova Narrativa Galega dos anos 60 e percorre en profundidade as temáticas do existencialismo, o drama psicolóxico, a alegoría política e o mundo do fantástico cunha poderosa mitoloxía propia. Tocantes a este xénero podemos salientar os seus libros Retorno a Tagen Ata, fantasía épica de trasfondo político, Amor de Artur, Arnoia, Arnoia e Arraianos.

Ademais de Méndez Ferrín, outros autores xurdidos ao abeiro da Nova Narrativa Galega aproximáronse ao fantástico en diversa medida; así, Carlos Casares en Os escuros soños de Clío, Gonzalo Rodríguez Mourullo ou Xoán Casal.

Todas as obras das que falamos foron escritas orixinariamente en lingua galega. Para unha crónica máis extensa habería que incluír outros libros de autores galegos que, porén, foron escritos en español, tales como practicamente todo Ramón Mª del Valle Inclán, Wenceslao Fernández Flórez e o seu El bosque animado, algunhas obras en castelán de Álvaro Cunqueiro, todo Camilo José Cela, fantástico el, mais a súa literatura pouco, ou Torrente Ballester, autor por exemplo da extraordinaria La saga/fuga de J.B.

Méndez Ferrín xa nos sitúa no tempo actual, no que atopamos un sistema literario máis moderno e desenvolvido, e unha xeira de autores que fan frecuentes aproximacións ao fantástico. Cabe remarcar que na maioría dos casos este achegamento se dá na literatura chamada “xuvenil” e, madía leva, na “infantil”.

Amentamos algúns nomes das xeracións de máis idade:

Suso de Toro publica as novelas xuvenís Morgún e A sombra cazadora.

Manuel Rivas, a súa poética alegoría histórica En salvaxe compaña.

Ramón Caride escribe Soños eléctricos, un dos títulos importantes da ficción científica en galego, así como o ciclo de novelas xuvenís protagonizados polos irmáns Sheila e Said que comeza con Perigo vexetal.

Agustín Fernández Paz toca adoito o tema fantástico na súa extensa obra, con títulos como As flores radiactivas, O centro do labirinto, Desde unha estrela distante, Malos tempos para os pantasmas, O tesouro do dragón Smaug

Elena Gallego Abad, creadora da serie Dragall sobre o mito dun suposto dragón galego.

A risco de parecer inmodesto, voume incluír eu mesmo na listaxe cos títulos Ceiba de Luz e, sobre todo, Atl, distopía ambientada nunha Atlántida futurista.

Entre as xeracións máis novas:

Conchi Regueiro, con obra xuvenil como Un marciano neste mundo e O tesouro das ánimas.

Roque Cameselle é autor da fantasía histórica Bieito Dubidoso.

Tomás González Ahola cultiva o fantástico de insiración lovecraftiana con tonalidades paródicas en Galiza Mutante, poder popular.

Fernando Cimadevila é o creador da triloxía de fantasía xuvenil O mundo secreto de Basilius Hoffman.

Xosé Duncan publicou As crónicas de Bran, fantasía épica de inspiración celta.

Outros nomes dunha longa listaxe son Vanesa Santiago, Rodrigo Vizcaíno, Ariza Piñeiro, Jorge Emilio Bóveda, Roberto A. Rodrigues, Anna R. Figueiredo…

Cabe remarcar que a maioría destes autores/as desenvolven as súas obras ao abeiro da editorial Urco e da revista e editora Contos Estraños, que eles mesmos consideran o celme do que gustan chamar “xeración estraña”.

Para unha síntese das temáticas e caracteres que dominan nas súas producións, anotariamos a fantasía épica, o asunto do terror cósmico, o mito celtista, os mundos feéricos e sobrenaturais, a viaxe do heroe, as razas máxicas, a ficción retrofuturista e a novela steampunk. De xeito máis explícito ou menos explícito, pairan sobre todos eles as alongadas sombras tanto de E.A. Poe como de H.P. Lovecraft.

2. Actividade e dinamismo arredor da literatura de ficción

Situados xa no tempo actual, podemos intentar agora unha análise en canto á actividade xeral no campo das producións de ficción, máis alá da escrita e publicción de libros.

O traballo editorial.

No sistema literario-editorial galego, o xénero fantástico sempre estivo espallado en distintas editoriais, en moitos casos ligado á literatura infanto-xuvenil.

As distintas editoras galegas asumiron a publicación de narrativa fantástica dentro da creación literaria global, mais sen prever ningún tipo de diferenciación en coleccións específicas. Puido máis a urxencia da creación dun corpus literario ben poboado que a dotación de canles para o cultivo de áreas concretas que puidesen crear afección entre públicos determinados. Nin sequera xéneros tan marcados como a novela policial, o relato erótico ou a ficción científica atoparon apenas coleccións que as acollesen como tales, agás contados experimentos que sobreviviron pouco tempo.

A primeira aposta consistente neste eido foi Urco editora, nada en 2007, que tomou como modelo outros proxectos españois como Valdemar ou La Factoría de Ideas. Durante anos, Urco promoveu e facilitou a publicación de materiais de ficción nas súas diversas variantes, dando saída a autores/as novos ou ofertando os seus espazos a outros consagrados mais desexosos de singularizar as súas creacións no eido adecuado.

Porén, nos últimos anos, e dentro dunha adaptación realista ao mercado para manter a viabilidade comercial da empresa, Urco comezou a diluír o carácter fantástico do seu catálogo abranguendo outros xéneros, especialmente o infantil, e agora mesmo as súas novidades anuais dentro do fantástico non chegan ao 50%. 

Outro dos referentes da literatura fantástica en Galiza é a editora Contos Estraños, nada en 2011 na contorna precisamente de Urco. De carácter case voluntarista, funcionou sempre ás arroutadas, e nunha época mesmo pasou a ser unha simple colección máis de Urco Editora. Na actualidade Contos Estraños está constituída como Asociación Cultural sen Ánimo de Lucro, e segue a publicar a súa revista homónima, inspirada nos pulp americanos, que funciona como canteira de autores do xénero.

Eventos, festivais, etc.

En canto á actividade participativa de autores e lectores, pódese mencionar como iniciativa interesante o Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, convocado por un consorcio de entidades lideradas pola Fundación Vicente Risco (consorcio do que participou Urco Editora até finais de 2017), e que convocou xa a súa cuarta edición. O interesante deste premio para o público portugués é que está aberto a todo o ámbito lusófono, e o feito de que agora a participación se realice vía email facilita que concorran autores do Brasil, os Azores, Cabo Verde…

Asemade, tamén na contorna de Urco, tratou de coller voo hai uns anos a iniciativa denominada Nova Fantasía Galega, con xuntanzas que, se ben non prosperaron, crearon un xermolo de xente nova arredor do cultivo da prosa de ficción.

Ligada así mesmo á fundación Vicente Risco, organízanse cada ano da vila de Allariz (Ourense) unhas xornadas de convivencia que xiran sempre arredor da figura de certo personaxe histórico coñecido como Romasanta, que alá na primeira metade do século XIX foi preso acusado de varios asasinatos e ao que se atribuíu ser vítima de licantropía; unha vida escura sobre a que xiran numerosas incógnitas e que fornece temas abondos para o debate psicolóxico, sociolóxico, histórico e literario.

Apoios dos estamentos e institucións públicas.

A Xunta de Galicia outorga principalmente dous tipos de apoios públicos ao mundo da edición en xeral (cabería falar dos apoios privados, mais non o faremos en atención á “hipercorrección política”):

1/ Subvencións de tradución, para que as editoras poidan pagar dignamente os tradutores e así se poida publicar literatura doutras linguas. Un exemplo dos logros conseguidos con estas axudas é a publicación das obras (case)completas de H.P. Lovecraft por parte de Urco, ou O señor dos aneis de Tolkien en Xerais.

2/ Subvencións para a dotación de bibliotecas. Até non hai moito constituía un terreo incontrolado no que as editoras manifestaban ter impreso un determinado número de exemplares de tal obra e a Xunta mercaba, sen criterio ningún sen necesidade de aportar facturas nin outro documento, o 10% da tiraxe declarada; con isto xa se poden calcular as manobras das editoriais por conseguir grandes anacos do pastel. A seguir, os libros subvencionados ían parar a unha nave xigantesca en certo polígono industrial onde ficaban abandonados ao po e o tempo. Na actualidade, o sistema racionalizouse un pouco: a Xunta outorga un diñeiro, mais ben escaso, ás bibliotecas que o solicitan, e son os bibliotecarios os que, a través dunha plataforma na que os editores anuncian as súas novidades, van mercando os libros que lles interesan. O novo sistema achégase aos modelos de libre-mercado, mais por parte das editoras conseguiuse que houbese un cupo mínimo para o teatro, o ensaio e a poesía, por exemplo. Polo demais, as bibliotecas mercan principalmente libro infanto-xuvenil, en consonancia coa demanda que emana dos centros educativos, da publicidade nas redes e, virtualmente, das producións das “figuras” do momento, o cal non ten por que ser necesariamente o mellor da literatura (nin drasticamente o peor).

Non é fácil facer unha comparación coa situación noutras comunidades autónomas españolas pola escasez de datos concretos. Temos claro que en comparación coas outras comunidades históricas, Cataluña e Euskadi, a galega é a peor a anos luz; e non só no tema da literatura de ficción, nin sequera só da literatura: o tratamento que recibe a propia lingua galega por parte da actual Xunta roza a indignidade e o escandaloso por negativo; e nestes asuntos sobran os datos, pois a constatación é global.

O comprador potencial de literatura en galego sempre foi de corte militante e para as editoras especializadas, como as de literatura fantástica, custa moito arrastrar lectores “non comprometidos”, afeitos a consumir libros, banda deseñada etc. en español a prezos máis competitivos ca os nosos. Porén, non debemos esquecer que a situación da literatura fantástica en particular non é boa en ningures. Nos últimos anos, a nivel estatal, fecharon La Factoría de Ideas, Agec e outros proxectos máis pequenos. Minotauro deixou de convocar o seu consolidadísimo premio de literatura fantástica e semella que todo vai esmorecendo; agás polos best-seller tipo Harry Potter, Xogo de Tronos, etc., que máis que supoñer un pulo para o fantástico e para a literatura constitúen un atranco de dimensións considerábeis (sería para analizar noutra xeira).

3. Algunhas notas finais sobre a situación actual do fantástico na Galiza

A apreciación xeral é que a literatura fantástica é relativamente estanca, cun público reducido mais fiel e entregado. Obviamente, isto non é exclusivo da literatura galega, nin do tempo actual; pódese dicir que sempre foi así. O único que muda a corrente arriba ou abaixo son as modas (por exemplo, a invasiva temática dos zombies), en moitos casos traídas pola influencia da televisión e as redes, que atraen lectores “externos” ao xénero de maneira efémera.

Un grave problema para a literatura en galego, non só para a de ficción, é que o noso “sistemiña” sempre estivo inserto no “sistema español”, así que custou moito arrastrar uns poucos lectores afeitos ao español de cara ao galego. O consumo aumentou un bocado debido ás lecturas recomendadas do ensino, aínda que iso non constitúe unha economía real e sólida para as editoriais, senón máis ben unha mostra da nosa debilidade como literatura e como país. Tamén hai que contar coa semente dese cancro do que adoecemos agora chamado “hipercorrección política”, que inflúe subrepticiamente nas temáticas e nas linguaxes.

Un signo a favor da vixencia do fantástico pode ser que editoras de máis longo percorrido que Urco ou Contos Estraños comezaron a facer unha aposta máis forte polo xénero, como é o caso de Galaxia, que “fichou” varios autores da canteira de Contos, como Xosé Duncan, Andrea Barreira ou Vanesa Santiago. Non é un indicador de que o fantástico estea en crecemento, máis ben unha manobra para chegar a públicos que poden considerar rendíbeis e, de camiño, eliminar competencia. Non obstante estas consideracións, non hai dúbida de que, fronte á situación de baleiro ou indefinición de hai dez ou vinte anos, hoxe existe unha oferta máis ou menos ampla de novela e relato curto, unha revista de xénero e mais un premio.

4. Recomendación dalgún libro relacionado co fantástico na Galiza

A modo de colofón, e malia as dificultades dunha elección tan drástica, permítaseme sinalar dous libros, un pola parte “histórica” e outro pola “moderna”.

Pola parte “histórica”, quedaría coa “Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega”, editada por Galaxia (1998) so a coordinación de Antón Risco, un conxunto de vinte e cinco relatos de quince autores que é hoxe algo así como a pequena biblia dos “fantasistas” (esa deliciosa palabra coa que se chamaban uns aos outros os membros do círculo de Lovecraft).

Da parte “moderna”, pola súa significación como xermolo, quedaría con “Contos Estraños, volume 0: Amañeceres Estraños”, o primeiro volume da revista de Contos, no que, ben como editores, ben como autores, participaron, sendo case todos uns descoñecidos os uns para os outros, case todo o núcleo duro da “xeración estraña”.

Despedida

Só queda, pola banda do autor da ponencia, unha despedida agarimosa para todas as persoas que se acheguen a este texto, coas miñas máis doídas desculpas por non poder participar fisicamente no Fórum Fantástico de Lisboa como estaba programado e a esperanza de podelo remediar noutra ocasión, mais o desexo de que o evento sexa un éxito, como non!, fantástico.

Muito obrigado.

Anúncios

Deixe uma Resposta

Preencha os seus detalhes abaixo ou clique num ícone para iniciar sessão:

Logótipo da WordPress.com

Está a comentar usando a sua conta WordPress.com Terminar Sessão /  Alterar )

Google+ photo

Está a comentar usando a sua conta Google+ Terminar Sessão /  Alterar )

Imagem do Twitter

Está a comentar usando a sua conta Twitter Terminar Sessão /  Alterar )

Facebook photo

Está a comentar usando a sua conta Facebook Terminar Sessão /  Alterar )

Connecting to %s